Gabinete Técnico en materia de Igualdade Laboral e de Oportunidades e Contra a Fenda Salarial da Confederación Empresarial de Ourense

Traballando pola Igualdade
Garantir a igualdade, a equidade e a manifestación da diversidade é unha prioridade para a Confederación Empresarial de Ourense, que pretende romper cos estereotipos de xénero, impulsando o talento feminino, favorecendo o acceso ao emprego de forma non sexista e contribuíndo á promoción profesional en termos de igualdade, entre outros moitos obxectivos.
A igualdade de xénero é un dereito fundamental que serve de motor para conseguir unha sociedade máis xusta e progresista en todos os niveis. Para materializar esta necesidade, cada vez máis empresas e institucións lanzamos iniciativas que loitan por achegarnos a unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, acurtando a brecha de xénero que está moi presente en todos os ámbitos da sociedade e incrementando a participación das mulleres nas áreas de decisión.

Desde o gabinete “IgualdadeCEO” poñemos en marcha proxectos e iniciativas, creando e impulsando distintos foros de debate, formación, xornadas divulgativas, etc., así como realizando unha ampla difusión dos mesmos e facilitando a consulta á información máis destacada en materia de Igualdade.