
O vindeiro luns 9 de marzo ás 10:00 horas celebraremos na sede da Confederación Empresarial de Ourense o acto conmemorativo do Día Internacional da Muller.
Unha data especialmente significativa para a nosa organización, non só polo que representa en termos de igualdade e compromiso social, senón tamén pola firme vontade de seguir avanzando cara a un entorno empresarial máis xusto, equilibrado e competitivo.
O acto comezará coa benvida institucional a cargo de David Martínez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense.
A continuación, Beatriz Gómez, vicepresidenta da CEO, presentará oficialmente o Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa, unha iniciativa creada para continuar o legado de quen foi presidenta desta Confederación e para poñer en valor o liderado feminino, a traxectoria empresarial e o impulso emprendedor desde a igualdade.
Este recoñecemento nace con vocación de permanencia, como unha cita anual que reforza o compromiso da CEO co talento feminino e cunha visión do mundo empresarial na que a igualdade non sexa só unha declaración, senón unha práctica real.


